Producir biodiesel en Galicia non está resultando rentable
O conselleiro delegado de Egal Biodiésel, Alejandro Arias Díaz-Eimil, é claro e conciso: «Nestes momentos producir biocarburantes non é rendible. As petroleiras queren comprarnos o combustible ecolóxico a prezo de diésel convencional, que agora é moi baixo, e nós necesitamos importar aceites vexetais que nestes momentos están máis caros». Por este motivo, a compañía que ten unha planta en Cerceda con capacidade para producir 40.000 toneladas ao ano de biodiésel estuda a posibilidade de reorientar o seu proxecto cara á investigación con outras materias primas, principalmente, as algas. «Debemos buscar unha saída a esta situación e, aínda que sexa a medio prazo, parece que as algas poden ser a materia prima máis barata para producir biocarburantes», explica Arias Díaz-Eimil, quen engade: «Dáse a particularidade de que as algas se alimentan de CO2 e pola proximidade da central térmica de Meirama sería unha iniciativa interesante para desenvolver con Unión Fenosa».
O problema que está a padecer a planta de Cerceda non é único en Galicia, nin en España. De feito, os responsables doutras compañías admiten que no 2009 podíanse paralizar proxectos se continúan baixo as mesmas circunstancias. E é que o principal cabalo de batalla que mantiña o sector a finais do ano pasado era o desenvolvemento do decreto que fixaba as cotas mínimas de biocarburantes que debían incluír entre os seus produtos as petroleiras. Pero unha vez que o Executivo español deu ese paso (quedaron marcadas nun 3,75% do total para este ano e o 5,83% para o 2010), os produtores de combustibles ecolóxicos atopáronse con que as petroleiras están importantando estas cantidades doutros países, como Estados Unidos, que contan con subvencións específicas para o biodiésel e que teñen un prezo por unidade «co que é imposible competir».
Desde a compañía analizan agora todas as posibles saídas á crise. Entre elas, a que cobra máis forza é a de transformar o proxecto nunha iniciativa de investigación e desenvolvemento para producir biocombustible a partir das algas. Fontes do sector estiman que esta materia prima pode ser a máis barata para conseguir carburantes ecolóxicos. Aínda que admiten que o desenvolvemento desta tecnoloxía non será efectiva até o 2010.
Fonte: La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario