Transformar o CO2 en cuarzo
A peridotita, unha roca abundante no deserto de Omán, reacciona ávidamente co CO2 para formar calcaria ou mármore. A posibilidade de transportala até as factorías enerxéticas para absorber as súas emisións descartouse polo seu alto custo, pero agora ábrese camiño a idea contraria: levar o CO2 até a roca e bombealo ao seu interior.
A peridotita de Omán, segundo os últimos cálculos, pode absorber 4.000 dos 30.000 millóns anuais de toneladas de dióxido de carbono que producimos, máis ou menos a oitava parte do que emiten no mesmo período as industrias e medios de transporte de todo o mundo. A peridotita é a roca maioritaria do manto, a capa que subxace á cortiza terrestre a profundidades maiores de 20 quilómetros. Pero os movementos tectónicos fixeron aflorar tramos de manto -cuns cinco quilómetros de longo- nalgúns lugares da superficie terrestre, como o deserto de Omán, Papúa Nova Guinea, Nova Caledonia e as costas de Grecia e a antiga Iugoslavia.
Os cálculos de Peter Kelemen e Juerg Matter, da Universidade de Columbia en Nova York, non son produto dunha revolucionaria tecnoloxía de teledetección, senón dun lustro de anticuada xeoloxía de campo no deserto de Omán. Kelemen e Matter descubriron que a reacción da peridotita co CO2 ocorre continuamente de forma natural no subsolo. E que uns simples métodos de trade na roca e inxección do gas poden acelerala un millón de veces e convertela nun método barato e permanente para almacenar CO2 atmosférico.
Unha das vantaxes do proceso de inxección, afirman os científicos, é que estaría en gran parte autoalimentado. Habería que gastar enerxía en meter o gas a presión na auga, e en quentar ese fluído para inxectalo por primeira vez na roca. Pero unha vez arrincado, o ciclo mantense por dúas fontes internas de calor: o geotérmico (do subsolo) e o derivado da reacción da peridotita co CO2.
A técnica evita o traslado da pedra até o gas, pero non o do gas até a pedra. Pero o gas non viaxará moito de momento: a primeira industria emisora de CO2 que se mostrou interesada nun proxecto piloto coa peridotita de Omán é Petroleum Development Oman, a compañía petroleira estatal dese país.
Fonte: El País
No hay comentarios:
Publicar un comentario