Desprendemento da plataforma Wilkins
Unha noticia impactante aparece en medios de todo o mundo: un sector de 14.000 quilómetros cadrados (máis grande que a provincia de Huelva) desprendeuse da plataforma de xeo Wilkins na península antártica. O Consello Superior de Investigacións Científicas de España (CSIC) indicou que isto era consecuencia do quecemento global. Segundo datos aparecidos nos medios, os xigantescos icebergs nos que se fragmentó ese sector comezan a dispersarse polo Océano Austral. Científicos do CSIC atópanse estudando a zona, e presenciaron, ademais, como a fronte de xeo do Mar de Belinghausen retrocedía 550 quilómetros en dúas semanas. Estes científicos sinalan que as temperaturas da auga son extraordinariamente cálidas nesa zona.
Segundo os investigadores, o desprendemento e a fragmentación do enorme sector xeado producirá o consecuente aumento do nivel do mar. O comandante do Hespérides (embarcación na que se atopan os científicos), Pedro Luís da Ponte, indicou que están a atopar ?enormes icebergs desprendidos da plataforma Wilkins, algúns deles varados, o que indica que seguramente superan os 200 metros de altura?.
A plataforma Wilkins é unha gran superficie de xeo que está de forma permanente sobre o mar ao suroeste da península antártica, a unha distancia duns 1.600 quilómetros do continente suramericano. Nos últimos cincuenta anos, a península antártica experimentou o maior aumento de temperatura rexistrado no planeta: 0,5 graos centígrados por década.
O Ano Polar Internacional que agora se pecha (de marzo de 2007 a marzo de 2009) documentou a maior perda de xeo até o momento, tanto no Ártico como na Antártida. Se sobe o nivel dos océanos, cidades costeiras de todo o mundo poderían quedar eventualmente baixa a auga. Oceános máis cálidos non contribuirían a arrefriar o planeta e experimentariamos, como xa vemos, hoxe en Australia e outras rexións do mundo, singulares cambios climáticos que orixinan catástrofes naturais: inundacións, secas e incendios, ciclóns e furacáns, etc.
¿é que teñen que haber máis desgrazas no mundo para que nos deamos conta da importancia do tema?
No hay comentarios:
Publicar un comentario