Rexistro galego de empresas verdes
As empresas galegas que de modo voluntario contribúan activamente á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro incluiranse nun Rexistro de Empresas Subscriptoras de Acordos Voluntarios sobre Redución de Emisións en Galicia. O anuncio foi efectuado polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, na xornada Cambio Climático: Tendencias e Oportunidades Empresariais, organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
O rexistro, que segundo explicou Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostible, podería estar operativo "a fins deste primeiro semestre", estará aberto a todo tipo de empresas e actividades, desde unha panadaría a un taxista.
As empresas que decidan voluntariamente integrarse nesta listaxe mellorarán os seus cocientes de emisións contaminantes, conseguirán incrementar a súa eficiencia enerxética e, sobre todo, verán mellorada a súa imaxe corporativa a través da publicidade das actuacións realizadas e da utilización dun símbolo distintivo, segundo explicaron onte os responsables de Medio Ambiente.
Nestes momentos, as emisións de gases de efecto invernadoiro de Galicia alcanzan -con datos de 2006- 34,59 millóns de toneladas/ano, o que supón un 0,12% dos 29.023 millóns de toneladas de todo o planeta.
Deste paquete, un 52,2% do total corresponde ao que os expertos denominan emisións difusas e o resto, un 47,8%, á actividade das industrias suxeitas ás directivas de emisións (dereitos de emisión). Emilio Fernández indicou na súa intervención na xornada de APD que na comunidade incrementáronse un 20,5% as emisións entre 1990 e 2006, o que levou á Xunta a exporse a necesidade dun plan específico, dedicado ás emisións difusas. Estas comprenden a contaminación derivada de pemes, do transporte, do sector residencial, dos servizos, do sector primario ou da xestión de residuos. Estas emisións difusas chegarán neste exercicio aos 16,8 millóns de toneladas, o 6,6% do total español.
No hay comentarios:
Publicar un comentario