Primeiro autobús híbrido con tecnoloxía española
Galicia deu onte un paso máis no seu desenvolvemento tecnolóxico. A empresa Carrocera Castrosúa, situada en Santiago de Compostela, levou a cabo, na Feira Internacional do Autobús e o Autocar, que se celebra en Madrid, a presentación mundial de Tempus, o primeiro autobús urbano ecolóxico e híbrido desenvolvido integramente con tecnoloxía española. Este vehículo móvese grazas a dous motores eléctricos situados nas rodas traseiras, e dispón doutro diésel que produce electricidade para recargar as tres baterías que leva cando se consome parte da carga.
A aplicación das tecnoloxías máis innovadoras permite unha redución do 30% no consumo de enerxía e a contaminación cero mentres non entra en funcionamento o motor diésel. Ademais, almacena a enerxía que se produce nos procesos de freado. é dicir, cando o condutor eleva o pé do acelerador, o vehículo deixa de consumir enerxía e obtena da freada. Ademais, o seu consumo é cero cando está parado.
Este autobús está deseñado especialmente para as cidades con centros urbanos antigos. O seu menor tamaño (mide 9,5 metros do longo por 2,55 de ancho) dótao dunha gran mobilidade nas estreitas rúas dos centros históricos. Nestes traxectos está ideado para que funcione exclusivamente coa enerxía eléctrica das baterías que se cargaron pola noite, polo que non contamina. Unha vez fóra destes espazos, entra en funcionamento o motor diésel, que recarga as baterías sen necesidade de que se deteña. Esta maquinaria cumpre con todas as normativas da UE destinadas á redución da contaminación.
As tres baterías e os 80 litros de combustible que caben no depósito ofrecen a este autobús unha autonomía de 300 quilómetros, o que permite unha xornada e media de servizo, segundo Agustín Gómez, pertencente ao Departamento de Investigación e Desenvolvemento de Castrosúa.
Outro dos adiantos técnicos é o sistema electrónico que rexe o autobús. Deseñado pola compañía e a Universidade de Vigo, está todo informatizado, cun computador central que controla a maioría dos elementos do vehículo. Goza da posibilidade de personalizar os traxectos, de tal forma que o condutor elixe a liña que ten que cubrir e o sistema determina as características necesarias para facer ese percorrido co menor gasto posible. Esta circunstancia permite aforrar até un 15% da enerxía necesaria para cubrilo, segundo as probas realizadas nas rúas de Santiago.
Outro dos beneficios desta tecnoloxía é a baixa emisión de ruídos, posto que só cando se pon en marcha o motor diésel produce un pequeno son apenas audible, circunstancia moi valorada en determinadas zonas da cidade.
O vehículo presentado onte no Ifema madrileño será probado durante un par de meses en Barcelona e, posteriormente, en Madrid. Logo se implementarán as melloras que o seu uso faga aconsellables, para pasar despois á súa construción en serie.
No hay comentarios:
Publicar un comentario