jueves, 31 de julio de 2008

SMOG OLIMPICO

Os Xogos Olímpicos é o evento deportivo de maior importancia, realízase cada catro anos nunha localización mundial distinta sendo así a gran festa do deporte mundial. Que dicir deste acontecemento, que gusta a todo o mundo dado que a gran variedade de modalidades deportivas (dende o fútbol até a hípica pasando pola natación ou a ximnasia rítmica) e a multitude de países participantes é de agrado para tódolos públicos. O 8 de agosto comezan en China as ultimas olimpíadas, coas principais sedes en Pequín e Hong Kong, e sorprendentemente nos últimos meses non se fala nin dos posibles records mundiais a bater nin dos atletas estrelas que irán nin de nada estrictamente deportivo; senón que os dous temas fundamentais son os dereitos humanos e a contaminación; onde trataremos o segundo deles.

Unha das maiores preocupacións que rodean a este evento é a contaminación atmosférica e máis concretamente un efecto local da mesma denominado smog; fenómeno que se produce polo estacionamento do aire e a permanencia da contaminación nas capas baixas da atmosfera sendo un fenómeno moi típico en grandes urbes industrializadas.

Dentro dos distintos contaminantes presentes nesta atmosfera cobra gran importancia as PM10; son partículas en suspensión procedentes do tráfico ou da industria que poden causar asma, problemas cardiovasculares, cancro de pulmón ou morte prematura, e no que actualmente non se conseguiron atallalas a niveis seguros a pesar das medidas propostas polo país asiático. As principais medidas son: a redución á metade do parque automobilístico de Pequín, a suspensión das actividades dun bo numero de industrias e a paralización do sector da construción ata que acaben os Paralímpicos. é tal a importancia da presenza na atmosfera destas partículas que combinadas coas altas temperaturas actuais pode provocar importantes danos á saúde, por exemplo en Hong Kong sede das probas hípicas rexistráronse unhas 1.334 emerxencias respiratorias e a morte dunha muller de 52 anos de idade.

Dentro dos deportistas tamén aumenta a preocupación, de tal modo que varias delegacións estudan a posibilidade de utilizar máscaras o máximo tempo posible, mesmo un participante da modalidade de tiro, o neozelandés Graeme Ede, esta a adestrar en condicións de baixa luminosidade para obter mellores rendementos, e o recordman de maratón Gebreselassie renunciou a correr esta proba por motivos de saude. Poderiamos seguir pondo exemplos de medidas “deportivas” contra a contaminación, pero o realmente importante é que algo tan bonito e nobre como o deporte olímpico véxase ensombrecido por estas cuestións. Polo menos espero que isto nos faga pensar sobre o noso futuro e se queremos ver a atletas con máscaras, deportistas escapando das cidades para adestrarse, recomendacións publicas de non exercer deporte ao aire libre en certos días (medida tomada en Madrid non vai moito). Por isto e outros motivos proponse varias preguntas e que cada un saque as súas propias conclusións.
Estamos ante os peores xogos olímpicos da Historia?

É china unha sede xusta para os xogos olímpicos?

Dentro duns anos os deportistas ademais de contra os seus rivais terán que competir contra a contaminación?

No hay comentarios: