martes, 4 de diciembre de 2007

SECA. O outono máis seco desde 1978 deixa o encoro a un 6% do nivel de alerta


A choiva cae gotiña a gotiña. E o encoro de Cecebre, que fornece á cidade e á súa área metropolitana, vai de marca en marca no que se refire ao nivel mínimo histórico. Se o xoves estaba ao 31,5%, onte caera ao 31%: nunca estivo tan baleiro. A situación sería alarmante se esa porcentaxe chega ao 25%. Está a seis puntos de que se dea a primeira alerta. En todo caso, Emalcsa matiza que, aínda que non chova, o abastecemento está garantido... para este mes.
A explicación ao panorama desolador que hai en Cecebre atopámola nos datos ofrecidos pola sección de Climatoloxía do Centro Meteorolóxico Territorial en Galicia, que confirma que o actual «é o outono máis seco desde 1978». O encoro empezou a operar un ano antes.O último setembro caeron 29,8 litros por metro cadrado, cando a media normal do mes é 67,5.
Outubro destacou pola súa falta de precipitacións: 19,2 litros por metro cadrado, cando a media habitual é 117,8. Desde 1978 (17,7 litros por metro cadrado) non se rexistrou un décimo mes tan seco na cidade.
En novembro prolongouse a seca, sempre segundo os datos do Meteorolóxico. Medíronse 45,5 litros por metro cadrado, cando a media é 126,1. A maioría recolléronse o día 18 (19,7). O habitual é que chova 18 días, e só houbo precipitación apreciable en nove.
De 532 a 94
Xa que logo, entre setembro e novembro deste ano caeron só 94,5 litros por metro cadrado, o que supón 437 menos que no mesmo período do 2006 (foron 532,1) e un 216,9 menos do habitual.
Para esta semana anúncianse choivas. O Meteorolóxico di que as posibilidades de precipitación son hoxe do 50%, mañá do 85%, o xoves do 90% e o sábado e o domingo do 100%.


La voz de Galicia
Autor: Rubén Ventureira
Data de publicación: 4/12/2007

No hay comentarios: