lunes, 28 de mayo de 2007

As enerxías renovables en España cubrirán o 12% do consumo enerxético no ano 2010


O Consello de Ministros do pasado venres aprobou por fin o Decreto Lei sobre retribución da xeración eléctrica mediante enerxías renovables e coxeneración.

Co desenvolvemento destas tecnoloxías, a enerxía renovable en España cubrirá o 12% do consumo enerxético no ano 2010 e evitarase a emisión de 27 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) nese ano. Igualmente, coa consecución dos obxectivos previstos para a coxeneración evitarase en 2010 a emisión de 6,3 millóns de toneladas de CO2.
Agora ben, os expertos cren que non é suficiente coas enerxías limpas e consideran que é o momento de abordar outros programas básicos se se quere frear o impacto do CO2. Segundo un estudo publicado por Caixa Cataluña, a vía de actuación máis racional é o cambio no sistema de transporte, e a toma de conciencia de que hai que actuar nos fogares e os servizos.
Este traballo revela que o "esforzo dos sectores productivos conduce a unha situación de estabilización das súas emisións que non é suficiente para compensar as procedentes do consumo enerxético dos fogares e o transporte".
Os autores cren que os cambios profundos que se están dando na estructura productiva van ter mínimo efecto nunha mellora da sustentabilidade, e apuntan que non haberá melloras substanciais nos próximos 14 anos. A vía máis razoable, suxiren, é un cambio substancial no modelo de transporte, responsable de máis do 60% dos productos petrolíferos en España. Desa cota, o 81,5% corresponde ao tráfico rodado.
O sector residencial, o comercio e os servizos supón un 25,3% do total de emisións de gases con efecto invernadoiro. Os expertos confían nas melloras que poidan xerarse pola aplicación do novo Código Técnico da Edificación (CTE), e recordan que unha parte importante do consumo enerxético dos servizos está vinculado á estructura do edificio ou local.

Consumer - luns, 28 de maio