miércoles, 20 de diciembre de 2006

"Non podemos comer unha verdura limpa, está todo cheo de cinza"

El Correo Gallego.es. 20.12.2006

Os veciños que viven próximos á incineradora e ao vertedoiro afirman que o cheiro é insoportable. Algúns piden que Sogama lles merque as casas para marcharse. Manuel, que viviu en Suiza, asegura que alí eran inocuas.
Os veciños da incineradora de Sogama e os que viven preto do vertedoiro non aguantan máis. Desde que a planta comezou a funcionar o fedor penetrou nas súas vidas. Resisten con portas e fiestras pechadas e non deixan de pensar en marcharse. Algúns reclaman que a empresa lles merque a casa ou os realoxe noutro sitio, porque -segundo denuncian- eles estaban xa alí antes de que se instalase Sogama.
Lola é unha das que non se pensaría facer as maletas. Xa o fixo unha vez. Chegou a Morzós tras abandonar a súa casa por culpa da mina da central térmica de Meirama, situada tan só a uns centos de metros. "A porquería máis grande de Galicia trouxéronnola aquí", explica indignada, "o que tiñan que facer é comprarnos as casas e marchabámonos Lola afirma que debe de pasar o día limpando os restos de cinza que chegan á súa casa, "os canlóns están sempre a lume de biqueira de porquería".
Xusto á beira da planta de tratamento de residuos urbanos sitúase un núcleo de poboación dunhas vinte casas. Son os que sofren máis directamente os malos cheiros do lixo, pero dependendo do capricho do vento o fedor pode chegar a puntos máis afastados. "Nós vivimos un pouco máis lonxe, pero hai moitos días que tamén apesta", comenta Maruja. En case todas as casas, os veciños contan cunha pequena horta da que se autoabastecen. "Non podemos comer unha verdura limpa está todo cheo de cinza", explica Lola.

Neve negra
O seu veciño da casa de enfronte, Manuel, denuncia que fai uns días a empresa tivo un escape. "Había unha cantidade de cinza que parecía que estaba nevando", sinala Manuel quen afirma que máis que cinza parece petróleo. "Mestúrase coa auga e queda todo negro, ten que ser moi contaminante". Manuel está tamén disposto a marcharse. "Aquí é insoportable vivir", explica. "Eu aínda que me dean algo menos do que vale a casa tamén me vou", asegura. Considera que a incineradora non está en condicións porque desprende demasiado cheiro. Manuel emigrou a Suiza e alí comprobou que é posible queimar o lixo sen tantos prexuízos para os veciños. "En Berna, estabas á beira e non sabías que había unha planta alí, estaba dentro dunha muralla todo pechado e pasabas polo seu lado e non che decatabas", explica. Manuel afirma que no Concello dinlles que conseguir minimizar os malos cheiros "sería moi caro".
Pero non todos os veciños de Cerceda están en contra de Sogama. Os máis de 350 postos de traballo que xera a planta, fan que unha parte do pobo prefira aguantar os malos cheiros sen protestar.



NON HAI CONTENEDORES Imposible separar o lixo

O refrán que di "en casa do ferreiro coitelo de pao", tamén se cumpre en Cerceda. Xusto á beira da maior planta de xestión de residuos urbanos de Galicia é imposible atopar contenedores para separar o lixo. "Nas aldeas non temos, no centro de Cerceda si que hai algúns" protesta Maruja, quen afirma que lle dá moita pena que no lugar no que vive contamínese tanto. Os veciños protestan porque pese a que eles están xusto enfronte da planta de tratamento a eles tamén lles cobran o servizo de recolleita de lixos. "Pagamos igual que os demais", explica Lola .

martes, 12 de diciembre de 2006

Os incendios de agosto en Galicia provocan a aparición dun fungo rexenerador que podería recuperar as zonas queimadas

Por CONSUMER.é EROSKI , 9 de decembro de 2006, 13h57

A magnitude dos incendios que arrasaron os bosques galegos o pasado verán provocou a aparición dun fungo denominado neurospora que podería estar relacionado coa rexeneración vexetal e que, polo tanto, interviría na recuperación da superficie queimada. Unha situación que será investigada pola Universidade de Sevilla. O director do grupo de investigación xenética que dirixe este estudo, Luís Corrochano, tratará de pescudar o porqué da aparición deste fungo de forma abundante en Galicia tralos incendios de verán para analizar en que xeito pode axudar á rexeneración dunha determinada zona vexetal e así resucitar a natureza queimada. "A desgracia de Galicia, con todo o que ocorreu alí, pode servir para algo positivo e sacar beneficio desa catástrofe para investigar esta especie nun área concreta; é moi pouco usual que se produzan incendios con tal magnitude e quizá, se non se produciron tantos incendios nunha área concreta este verán, non fose posible estudalo", apuntou Corrochano. O estudo atópase nunha primeira fase inicial de catalogación de mostras e, nunha fase posterior, procederase a investigar o mecanismo que leva á rexeneración. En principio, barállase que os nutrientes que quedan atrapados nas vegetaciones tralo lume volvan estar dispoñibles grazas á actividade deste tipo de fungo, que crece alimentándose da materia queimada e permite que se vaia restablecendo a cadea alimentaria do ecosistema.